Sunday 28 de April de 2024

A Semana da Mobilidade trae este ano un proxecto piloto de autobús urbano e unha ruta literaria


Carballo reforza o seu compromiso coa mobilidade sostible a través das actividades que se desenvolverán do 13 ao 22 de setembro

Carballo é unha das 308 cidades españolas e das 1.643 de todo o mundo que participan na Semana Europea da Mobilidade, unha iniciativa da Comisión Europea para promover o cambio de comportamento en favor dunha mobilidade activa e de solucións de transporte limpas e intelixentes.

Este venres presentamos o programa de actividades que vai desenvolver o Concello de Carballo con esa finalidade. No acto participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane; a concelleira de Normalización Lingüística, Arquivos e Bibliotecas, Ángeles Pacoret, e representantes das entidades colaboradoras: Adolfo López Baña, por Íntegro; Vanesa Loureiro, polo Club Ciclista Carballo; Manolo Costa, pola Asociación de Veciños Santiago Apóstol de Sísamo, e Evaristo Domínguez, pola Asociación Ambiental Senda Nova.

A Semana Europea da Mobilidade celébrase todos os anos do 16 ao 22 de setembro, pero este ano no noso concello será máis longa, xa que empezaremos o mércores 13 cunha actividade con Apego destinada a nenos e nenas de ata 6 anos de idade. O obxectivo é que os peques empecen a familiarizarse coa mobilidade sostible e segura, e por iso, coa colaboración do Club Ciclista Carballo, instalaremos un circuíto para correcamiños, bicicletas e todo tipo de vehículos infantís na planta alta do mercado municipal. A actividade desenvolverase de 17.00 a 19.30 horas en quendas de media hora, en cada unha das cales poderán participar 10 nenos/as. Os menores de tres anos poderán facelo nas das 17.30 e 18.30 horas, e os de catro a seis, nas das 17.00, 18.00 e 19.00 horas. As familias interesadas deben inscribirse na Biblioteca Rego da Balsa, chamando ao 981 758 580.

Ao longo destes 10 días haberá andainas, rutas en bicicleta, xornadas lúdicas, chequeo da accesibilidade e promoción da mobilidade sostible para accións tan cotiáns como ir traballar ou mercar á feira. Podedes descargar o programa completo máis abaixo. Nalgunhas desas actividades requírese inscrición previa por motivos organizativos. O prazo está aberto xa. As persoas interesadas poden descargar o formulario que atoparedes ao final da nova e presentalo na Biblioteca Rego da Balsa ou pedilo alí mesmo.

Entre as novidades desta edición destaca a posta en marcha dun servizo de autobús urbano, que circulará do 18 ao 22 de setembro unindo a estación de autobuses co parque comercial A Revolta e o polígono industrial de Bértoa, e que fará paradas en distintos puntos da zona urbana. Trátase dunha experiencia piloto, coa colaboración de Arriva, que responde a unha antiga demanda do empresariado do polígono e que permitirá coñecer a demanda do servizo para poder trasladar unha solicitude formal á Xunta de Galicia, administración competente en materia de transporte.

Tamén é novidosa a Ruta Literaria, unha iniciativa da Concellaría de Normalización Lingüística, Arquivos e Bibliotecas que nos permitirá percorrer Carballo a través das obras literarias de distintos autores.

E ademais este ano teremos unha ruta aberta a todas as persoas que queiran acudir coas súas mascotas. Nos vindeiros días iremos ampliando a información de cada unha das actividades.